Heráldica
¿Qué é?
Os símbolos das Entidades Locais son a primeira imaxe que un cidadán percibe delas, xa que os identifican e diferencian, entre moitas outras cousas, doutras entidades. A heráldica é un sistema emblemático que tivo unha presencia continuada e importante en todo o mundo occidental dende a súa aparición hai xa máis de oito séculos. Nese sentido, a aplicación da heráldica adquiriu particular importancia e desenvolvemento como signo de identidade para perpetuar e divulga-las peculiaridades históricas e xeográficas das corporacións locais e doutras entidades públicas.
A determinación e definición dos símbolos non debe ser algo irreflexivo e que responda a cuestións de índole arbitraria ou caprichosa dun momento pasaxeiro, senón que debe derivar dun estudio pormenorizado e serio, destacando os feitos históricos, culturais e significativos do territorio ao que vai representar, permanecendo no tempo e singularizando a propia poboación que vive nel.
En consideración a estas razóns, a Xunta de Galicia estableceu un procedemento regrado, á disposición gratuíta de tódalas entidades locais, encamiñado a lograr estes obxectivos e dar así unha simboloxía propia a cada un dos solicitantes.
Comisión Heráldica
A Comisión Heráldica créase polo Decreto 258/92, do 10 de setembro, como órgano consultivo da Xunta de Galicia adscrito a Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.
Normativa
-
Lei 5797 do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, no seu capítulo VI, artigos 258 a 262, regula "os símbolos das entidades locais".
Decreto 369/1998 de 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión Heráldica. Modificado polo Decreto 73/06, do 20 de abril, co fin de adaptalo á nova estructura e departamentos da Xunta de Galicia.
Normativa de composición. O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante a Orde do 13 de xullo de 2006 nomeou ós membros que integran a Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
Sesión constitutiva. Esta Comisión tivo a súa sesión constitutiva con data 28 de xullo do 2006. Quedando formada polos seguintes membros: como Presidenta: Matilda Begoña Rodríguez Rumbo; Vicepresidente: Carlos Acuña Rubio; como vogais: Miguel Pereira Figueroa, Jose Manuel García Iglesias, Jose García Oro, Eligio Rivas Quintáns, Francisco Fariña Busto; e como secretario Santiago Villanueva Álvarez.
¿Cómo funciona?
Ofrécese o procedemento para a aprobación e publicación dos símbolos dunha Entidade Local. Ademáis ofrecese a posibilidade de consultar os símbolos que xa estean aprobados mediante a busca por nome da Entidade Local. Neste caso mostrará para cada entidade local o símbolo que teña aprobado (sexa bandeira ou escudo) e mostrará o propio símbolo acompañado polo seu decreto de aprobación.
Procedemento
-
Certificación do secretario da corporación sobre o acordo de pleno, así como o cumprimento da información pública e a resolución de alegacións e, se é o caso, do acordo definitivo.
-
Memoria histórico-heráldica subscrita por un especialista nas mesmas materias, na que se expoñan, os fundamentos e as razóns que xustifican a proposta. (no suposto de que o concello conte coa mesma. Se non fora así , a comisión de heráldica realizará sen ningún cargo as correspondentes propostas á entidade local solicitante)
-
Dous exemplares orixinais do debuxo do icono proposto. (igual que no anterior, se o concello dispusexe do mesmo).
-
Aqueloutros documentos oportunos para complementa-la proposta.
-
En caso de informe favorable da Comisión, o Conselleiro de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, elevará ao Consello da Xunta de Galicia a proposta de aprobación de expediente.
-
De seguido procederase á publicación no D.O.G. do correspondente Decreto de adopción e aprobación do escudo ou bandeira.
-
En caso de informe non favorable, daráselle á Entidade local un prazo de audiencia de dous meses, durante o cal poderá adoptar un novo acordo en pleno modificando a súa propia proposta para adecuala ás recomendacións da Comisión de Heráldica.
Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a